
Unha persoa resultou ferida nun accidente de tráfico rexistrado na tarde deste domingo en Carral, ao paso da N-550, no quilómetro 15, na parroquia de Tabeaio.
Segundo informou o 112 Galicia, foi o sistema de emerxencia automático E-Call, incorporado no vehículo accidentado, o que deu a primeira voz de alarma ao detectar o impacto. Ao mesmo tempo, arredor das 19:00 horas, varios particulares tamén contactaron co servizo de emerxencias para alertar de que había un coche envorcado, con persoas no seu interior, que ademais rematara batendo contra outro turismo que estaba estacionado.
Tras recibir o aviso, o 112 Galicia mobilizou ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Arteixo, á Garda Civil de Tráfico, aos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Carral e ao persoal de mantemento da vía.
Unha vez no lugar, os bombeiros indicaron que os ocupantes do vehículo xa foran evacuados polos profesionais sanitarios.
Finalmente, o 061 confirmou o traslado dun único ocupante.
As circunstancias exactas do accidente están a ser investigadas.