
Mazaricos, 30 de xaneiro de 2026 – A Comisión 6ª do Parlamento de
Galicia aprobou por unanimidade unha Proposición non de Lei presentada
polo deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Xosé Manuel Golpe,
para poñer fin aos frecuentes e prolongados cortes de subministración eléctrica
que vén sufrindo o concello de Mazaricos.
A iniciativa, que conta agora co respaldo de todos os grupos parlamentarios,
supón un requirimento institucional á Xunta de Galicia para que actúe de
maneira efectiva e garanta que as veciñas e veciños de Mazaricos reciban o
servizo eléctrico que están a pagar, ante a grave situación de desamparo que
viven.
A contradición dun territorio enerxético sen luz
Mazaricos é un símbolo da contradición do modelo enerxético actual: cunha
capacidade instalada de xeración de preto de 400 megavatios (MW)
procedentes de instalacións eólicas e hidroeléctricas no seu territorio, preto
do 60% do concello depende dunha soa liña de media tensión (Pontella 3)
obsoleta e con mantemento deficiente. Esta infraestrutura, xestionada
por Unión Fenosa Distribución (Grupo Naturgy), provoca cortes
constantes que afectan a uns 3.500 habitantes.
Impacto devastador no eixo económico: a gandería
O sector gandeiro, eixo central da economía local con máis de 300
explotacións e 14.000 cabezas de gando, é o máis afectado. Só nos
últimos meses, os cortes provocaron a perda estimada de máis de 60.000
litros de leite por avarías nos tanques de frío. Ademais, os microcortes danan
os robots de muxido, provocando problemas de saúde no gando (como
mastites), incremento no uso de antibióticos e unha minguada na produción e
calidade.
O impacto esténdese ao tecido comercial e de hostalaría do núcleo urbano da
A Picota, onde as actividades veñen sufrindo perturbacións constantes con
prexuízos económicos directos.
Unha denuncia de abandono empresarial e institucional
Durante o seu debate no Parlamento, o deputado Xosé Manuel Golpe sinalou
directamente á empresa distribuidora como responsable desta situación,
denunciando que as infraestruturas son obsoletas, o mantemento é case
inexistente e non se realiza a limpeza da vexetación nas faixas de servidume.
«Temos unhas distribuidoras que teñen garantidos os ingresos públicos pero
que non teñen unha obriga efectiva de mellorar a infraestrutura nas zonas
rurais», afirmou.
Do mesmo xeito, criticou a inacción da Consellería de Industria da Xunta,
competente en materia eléctrica, por permitir esta situación de forma
prolongada.
O que contén a proposta aprobada por unanimidade
A Proposición non de Lei insta á Xunta de Galicia a:
1.Exixir ás empresas distribuidoras o cumprimento estrito da normativa de
calidade do servizo.
2.Impulsar investimentos urxentes para renovar e mellorar as
infraestruturas de distribución no concello.
3.Garantir o dereito a indemnizacións para veciños, gandeiros e
comerciantes polas pérdidas económicas sufridas.
4.Establecer un plan de mantemento preventivo eficaz.
5.Exercer un control activo e esixente sobre as compañías eléctricas para
que invistan no rural.
Declaración do BNG de Mazaricos
Dende a asemblea local do BNG en Mazaricos valoramos positivamente este
apoio unánime do Parlamento galego, que recoñece a gravidade dun problema
que vimos denunciando constantemente xunto cos veciños afectados.
Consideramos que é un primeiro paso fundamental, mais non nos
conformaremos coas palabras. Exiximos accións concretas e inmediatas.
Seguiremos a presión ata ver cables novos nas nosas leiras, subministración
estable nas nosas casas e explotacións, e xustiza económica para todos os
danos causados.
Agora, a Xunta de Galicia ten a responsabilidade de actuar e facer cumprir
este mandato parlamentario. O rural non pode seguir sendo a última prioridade
das eléctricas nin da administración que debería velar por ela.
Nota de Audio