
Unha persoa resultou ferida e tivo que ser excarcerada este luns tras saírse da vía co seu coche no concello coruñés de Mazaricos.
O accidente produciuse arredor das 17:15 horas no punto quilométrico 67 da estrada AC-400, á altura das Maroñas, cando un particular alertou ao 112 Galicia de que un vehículo acababa de saír da calzada. Segundo a información facilitada, o turismo chocou contra unha varanda e deu varias voltas de campá, quedando o seu único ocupante atrapado no interior.
Ata o lugar desprazouse un operativo no que participaron Emerxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Santa Comba, a Guardia Civil de Tráfico e os servizos de mantemento de estradas.
Os bombeiros tiveron que cortar o teito do vehículo e retirar unha das portas para poder liberar á vítima. Unha vez excarcerada, a persoa foi trasladada en ambulancia polos servizos sanitarios.