Vega pecha este luns as Noites de María Pita

Vega pechará este próximo luns 25 de agosto o ciclo Noites de María Pita e porá fin ás actividades na praza dentro da programa das Festas de María Pita 2025. «O balance deste ano é moi positivo, conseguindo reunir no escenario principal dos festexos a artistas de primeiro nivel e de moi variado estilo musical, froito do traballo que levamos a cabo desde o Goberno de Inés Rey para ter unhas festas abertas a toda a cidadanía», indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

O concerto dará comezo ás 22.00 horas. Vega é unha artista, autora e compositora española con máis de 22 anos de experiencia profesional. É considerada unha das compositoras e autoras máis prestixiosas da súa xeración, así como unha artista feminina líder á vangarda co seu propio selo e editorial, La Madriguera Records. 

Con 11 álbums publicados, son os 6 lanzados baixo o seu propio selo cos que alcanzou un nº1 e 5 n°2 en Promusicae (Lista de álbums máis vendidos de España), así como 2 nomeamentos a Mellor Álbum de Pop-Rock nos Premios Latin Grammy. As súas colaboracións con outros artistas tamén reflicten unha viaxe musical coidadosamente curado e sen ataduras. Elvis Costello, Iván Ferreiro, Eva Amaral, Manuel Carrasco, Raphael, Arturo Sandoval e Carla Morrison son algúns dos colaboradores cos que traballou. 

Na actualidade, Vega está a presentar o seu último traballo, ‘IGNIS’, producido por Ricky Falkner, gravado e mesturado por Jordi Mora e masterizado por Ángel Medina. Con este consegue o nº3 de vinilos máis vendidos de España así como o Premio a Mellor Deseño Gráfico nos Premios MIN 2025. Vega foi nomeada por ‘IGNIS’ a Mellor Álbum Pop/Rock nos Premios da Academia da Música Española.

Dispositivo especial de transporte

O luns tamén será o último día do dispositivo especial de transporte operativo durante as Noites de María Pita. Haberá saídas desde Porta Real a partir das 00.00 horas, hora prevista da finalización dos concertos.

O dispositivo consiste nunha liña identificada como 1 que dará cobertura ás zonas da Palloza, Gaiteira, Os Castros, Castrillón e Avda. de Monelos, unha liña identificada como 1A para as zonas de Catro Camiños, Salvador de Madariaga, Matogrande e Eirís, unha liña identificada como 3 que dará servizo ás zonas de Durmideiras e Monte Alto, unha liña identificada como 3A que dará  servizo ás zonas de Labañou e Os Rosales, unha liña identificada como 6 que saíndo de Porta Real e que entrará por Juana de Vega á Praza de Pontevedra, Avda. de Fisterra, Ventorrillo e Meicende, unha liña identificada como 7 que saíndo de Porta Real entrará por Juana de Vega para dar servizo ás zonas de Peruleiro, Rolda de Outeiro, Ventorrillo e Vila de Negreira, unha liña identificada como 11 que saíndo de Porta Real pasará por Juana de Vega, Praza de Pontevedra, Juan Flórez, Pla y Cancela e Os Mallos, unha liña identificada como 21 para dar cobertura a Ramón y Cajal, Pablo Picasso, Birloque e Novo Mesoiro. A estas liñas súmase a identificada como 24, que dará servizo ao barrio de A Zapateira.

Por outra banda, a partir da 00:05 horas entrará en servizo un servizo nocturno, no sentido inverso ao habitual, Porta Real – Os Castros – Castrillón – Monelos – Eiris – Palavea – Rolda de Outeiro. A partir da 00:30 horas entrará en servizo outro servizo nocturno, no sentido de circulación habitual Labañou – Rolda de Outeiro – Birloque – Novo Mesoiro.