
O Concello de Zas aprobou definitivamente a Relación de Postos de Traballo (RPT) do persoal municipal, un documento clave para a ordenación, planificación e racionalización dos recursos humanos da administración local.
A aprobación definitiva da RPT saíu adiante cos votos a favor do grupo de goberno, o BNG, e as abstencións do PP e do PSOE. Durante o proceso de exposición pública presentáronse catro alegacións por parte de traballadores municipais: tres delas foron rexeitadas e unha foi estimada parcialmente.
A RPT é o resultado dun proceso de negociación sindical no que participou Comisiones Obreras, único sindicato que presentou propostas e que apoiou o documento final.
A aprobación deste instrumento supón a actualización e redefinición das funcións dos distintos postos de traballo, adecuándoos á realidade normativa, organizativa e funcional da entidade local, así como a creación de novos postos que permitirán reforzar e mellorar a prestación dos servizos públicos á veciñanza.
Ademais, a nova RPT inclúe unha actualización retributiva que supón un incremento salarial para o conxunto do persoal municipal. Segundo o acordo alcanzado, esta mellora terá efectos económicos con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro.
Con esta decisión, o Concello de Zas sitúase na liña doutros concellos que xa contan cunha Relación de Postos de Traballo actualizada, dando un paso decisivo cara a unha xestión máis eficiente, transparente e profesionalizada do persoal municipal, consolidando unha estrutura administrativa acorde cos principios de estabilidade, equidade e calidade no emprego público.
O alcalde de Zas, Manuel Muíño, destacou a importancia deste paso para a organización municipal: “A aprobación definitiva da RPT supón un fito importante para o Concello de Zas. Trátase dunha ferramenta fundamental para ordenar o funcionamento interno da administración e garantir unha mellor prestación dos servizos públicos á nosa veciñanza”.
Muíño tamén subliñou que “este documento é froito dun proceso de diálogo e traballo técnico que nos permite avanzar cara a unha administración local máis moderna, máis eficiente e mellor preparada para afrontar os retos presentes e futuros”.