𝐎 𝐂𝐨𝐧𝐜𝐞𝐥𝐥𝐨 𝐝𝐞 𝐙𝐚𝐬 𝐞𝐧𝐭𝐫𝐞𝐠𝐚𝐫𝐚́ 𝐚 𝐁𝐞𝐜𝐚 𝐝𝐚 𝐅𝐢𝐥𝐥𝐨𝐚 𝟐𝟎𝟐𝟔 𝐜𝐮𝐧 𝐢𝐦𝐩𝐨𝐫𝐭𝐞 𝐝𝐞 𝟏.𝟒𝟓𝟗 𝐞𝐮𝐫𝐨𝐬

O Concello de Zas fará entrega da Beca da Filloa 2026, unha axuda económica destinada a apoiar os estudos dun/unha estudante empadroado/a no municipio. A contía da bolsa ascende este ano a 1.459 euros, financiados grazas á recadación obtida a través dunha parte das inscricións do IX Trail da Filloa.

Esta iniciativa solidaria está impulsada pola Asociación Monte Brondo e o Concello de Zas, convertendo o deporte nunha ferramenta de apoio social e educativo. O proxecto busca fomentar a igualdade de oportunidades e contribuír ao acceso á educación da mocidade do municipio.

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, destacou “o importante valor social e solidario que ten esta iniciativa, xa que converte unha proba deportiva moi consolidada no municipio nunha oportunidade real de apoio á educación e á igualdade de oportunidades”.

Desde o Concello agradecen especialmente a implicación da Asociación Monte Brondo, das persoas participantes no Trail da Filloa e da veciñanza, cuxa colaboración fai posible que este proxecto continúe medrando ano tras ano.

A Beca da Filloa consolídase así como un exemplo de compromiso colectivo, no que deporte, solidariedade e educación camiñan da man en beneficio da comunidade.

👏 Grazas a todas as persoas que contribúen a facer realidade esta iniciativa solidaria.