Críticas á publicación doutro Medio dixital sobre o Centro Comercial Aberto de Santa Comba

A publicación realizada polo medio dixital Adiante Galicia sobre a suposta creación dun Centro Comercial Aberto (CCA) en Santa Comba está a xerar críticas e malestar entre empresarios e veciños da localidade, que consideran que o medio “equivócase ou está faltando á verdade” ao presentar a iniciativa como unha novidade.

Segundo recolle a información publicada, Diego Vilas, presidente da Asociación de Empresarios de Santa Comba, asegura que o proxecto abriría “moitas posibilidades” para o comercio local grazas ao apoio da Xunta de Galicia e ás campañas promocionais que se poderían impulsar, xerando un “importante fluxo de xente”.

Porén, diferentes voces lembran que a creación dun Centro Comercial Aberto non é unha idea nova, xa que fora proposta por anteriores directivas da Asociación de Empresarios e nunca chegou a executarse. Por iso, consideran incorrecto trasladar a sensación de que se trata dun proxecto pioneiro ou recentemente descuberto.

As críticas tamén apuntan á situación actual da asociación, que, segundo sinalan, leva anos de capa caída e cunha participación moi reducida. Como exemplo, destacan a escasa asistencia á última Asemblea Xeral de Empresarios, na que apenas participaron 5 persoas dun total de 186 asociados.

Ademais, subliñan que a perda continuada de negocios en Santa Comba fai aínda máis complicada a posta en marcha dun verdadeiro Centro Comercial Aberto, ao existir actualmente menos actividade comercial que anos atrás.

Deste xeito, consideran que a noticia publicada por Adiante Galicia transmite unha visión excesivamente optimista e afastada da realidade actual do tecido empresarial do municipio