
O Concello de Vimianzo converterase na primeira parada do ciclo Orballo Cultural 2026, unha iniciativa integrada nos Concertos do Xacobeo impulsados pola Xunta de Galicia que levará a música de destacados artistas galegos, nacionais e internacionais por diferentes puntos da comunidade.
A alcaldesa de Vimianzo participou esta mañá na presentación oficial do ciclo, celebrada na Cidade da Cultura de Galicia, onde se deron a coñecer os detalles desta nova edición.
A cita en Vimianzo terá lugar o vindeiro 24 de maio, na Praza do Concello, a partir das 12.30 horas, cunha proposta musical que reunirá aos DJs 9Louro, TapadoRella e Kike Varela DJ.
Dende o Concello destacan a importancia de formar parte deste circuíto cultural, que contribúe a dinamizar a vida social e cultural da vila, ademais de atraer visitantes e promover a música en directo en espazos públicos.
O evento será de acceso libre e promete converter a Praza do Concello nun punto de encontro para a veciñanza e para todas as persoas amantes da música e do ambiente festivo.






