📢 VIVE+ en Coristanco: aprendizaxe, creatividade e benestar nunha nova xornada participativa

O programa VIVE+ volveu reunir onte a un importante número de participantes nunha mañá chea de actividades formativas e de lecer no municipio de Coristanco, consolidándose como unha iniciativa centrada no benestar, a participación activa e o envellecemento saudable.

A xornada deu comezo cun obradoiro sobre aplicacións móbiles aplicadas á saúde, impartido por Anabel. Durante a sesión, as persoas asistentes puideron coñecer ferramentas prácticas para mellorar o seu benestar no día a día, como a xestión de citas médicas, exercicios de estimulación cognitiva e recursos para sacar maior proveito aos teléfonos móbiles. Trátase dunha actividade especialmente ben acollida pola súa utilidade e carácter participativo.

Ante a alta demanda e o número de inscricións, as actividades previstas das 11:30 horas tiveron que ser desdobradas en dous grupos.

Por unha banda, un dos grupos participou nun obradoiro de arte floral dirixido por Elvira, do Viveiro de Plantas Xardín Bergantiños de Coristanco. A sesión estivo centrada na creación floral, o aprendizaxe de técnicas básicas e o coidado dos detalles, nun ambiente creativo e distendido.

Ao mesmo tempo, outro grupo desfrutou dunha actividade de baile e activación corporal guiada por Sarai. A proposta combinou movemento, música e exercicio físico suave, co obxectivo de mellorar a mobilidade, a coordinación e o equilibrio, promovendo ao mesmo tempo o benestar xeral das persoas participantes.

Unha nova sesión de VIVE+ que destacou pola súa variedade de propostas e pola implicación activa da veciñanza.