A parroquia de Tal mellora a súa imaxe con novas actuacións de limpeza e acondicionamento antes das festas do Carme

O Concello de Muros continúa avanzando co plan de limpeza e acondicionamento de beirarrúas, camiños e zonas verdes nas distintas parroquias do municipio.

Esta semana, a través da Concellería de Obras e Servizos, leváronse a cabo traballos de roza e limpeza con medios propios na parroquia de Tal, actuando en diferentes puntos de especial uso veciñal como a Praza do Cristo, o parque da escola infantil e tamén nas raseiras e camiños do entorno da igrexa.

Estas actuacións coinciden ademais cunha fin de semana moi especial para a parroquia, marcada pola celebración das tradicionais festas do Carme, nas que se agarda unha importante participación de veciños, veciñas e visitantes.

A concelleira Laura Rivadeneira destacou a importancia de manter os espazos públicos en boas condicións durante estas datas:

“Queremos que veciños, veciñas e visitantes poidan desfrutar destes días festivos cunha contorna limpa, segura e ben acondicionada. Seguiremos traballando en todas as parroquias para manter os espazos públicos nas mellores condicións posibles”.

Desde o Concello deséxase tamén trasladar o apoio e recoñecemento ás comisións organizadoras polo traballo realizado na preparación das festas, así como desexar unhas felices celebracións a toda a veciñanza de Tal.