O BNG levará ao Parlamento unha iniciativa para reforzar o control das biotoxinas na ría de Corcubión

O deputado do BNG pola Costa da Morte e Bergantiños, Óscar Insua, defenderá o vindeiro martes 26 de maio na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galiza unha Proposición Non de Lei (PNL) centrada nas medidas que debe adoptar o Goberno galego en relación co control das biotoxinas mariñas na ría de Corcubión.

A iniciativa nacionalista reclama á Xunta de Galiza unha modificación da normativa que regula o programa de actuacións para o control de biotoxinas mariñas en moluscos bivalvos e outros organismos procedentes da pesca, o marisqueo e a acuicultura.

En concreto, o BNG solicita aumentar as subzonas de control dos bancos de moluscos existentes na ría de Corcubión, co obxectivo de mellorar o seguimento da situación e evitar prexuízos para o sector marisqueiro.

Así mesmo, a formación nacionalista pide que o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galiza (INTECMAR) realice análises diarias nas subzonas da ría cando se detecten resultados positivos en biotoxinas, mantendo os controis ata que os resultados sexan negativos.

Segundo defende o BNG, este procedemento xa se aplica noutras rías galegas e permitiría unha resposta máis áxil e eficaz ante episodios de presenza de biotoxinas mariñas.

A proposta será debatida na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento galego, nun contexto marcado pola preocupación do sector marisqueiro da Costa da Morte ante as restricións derivadas da presenza de biotoxinas nos bancos marisqueiros.