O Concello de Muros impulsa unha nova actuación de saneamento no Areal de Esteiro

O Concello de Muros continúa avanzando no seu plan de renovación e mellora da rede de saneamento nas parroquias, co obxectivo de reforzar un servizo público esencial para a veciñanza e contribuír á protección do entorno natural.

Esta semana, a brigada municipal de obras iniciou unha nova actuación no lugar do Areal, na parroquia de Esteiro, destinada a facilitar o saneamento ás vivendas da zona. Os traballos céntranse na execución de redes separativas nas tres rúas situadas arredor do centro social do Areal, diferenciando as augas residuais das pluviais.

Ata o momento, a zona contaba cun único tubo de formigón para a evacuación das augas, unha situación que provocaba continuos problemas de atascos e dificultaba o correcto funcionamento da rede. Coa nova infraestrutura, o Concello busca mellorar a eficiencia do servizo, evitar incidencias e reducir o risco de vertidos ao río.

A actuación está a ser realizada e financiada integramente polo Concello de Muros, dentro do compromiso do goberno local coa modernización das infraestruturas básicas das parroquias.

A alcaldesa de Muros, María Lago, destacou que “no que vai de mandato, desde o goberno local investimos xa dous millóns de euros na renovación e a mellora da rede de saneamento, un servizo que repercute ademais directamente no marisqueo”.

Pola súa banda, a concelleira de Obras, Laura Rivadeneira, subliñou que “seguimos traballando para mellorar as infraestruturas básicas das nosas parroquias. Esta obra permitirá ofrecer un servizo máis eficiente, evitar problemas de atascos e contribuír ao coidado do noso entorno natural”.