
Camariñas, 1 de xuño de 2026. Os deputados do BNG no Parlamento galego Rosana Pérez e Óscar Insua reuníronse este luns coas mariscadoras de Camariñas na praia da Paxariña, na zona de Ariño, para coñecer de primeira man a situación que atravesa o sector tras a paralización do plan de explotación decretada pola Xunta de Galicia o pasado mes de marzo.
Durante a visita, na que tamén participaron a responsable local do BNG en Camariñas, Ana Pasantes, e a presidenta da agrupación de mariscadoras, Yaqui Lista, os parlamentarios puideron comprobar os traballos de acondicionamento das sementeiras que están a realizar as traballadoras do mar nun contexto marcado pola incerteza e a falta de perspectivas a curto prazo.
As mariscadoras expresaron a súa preocupación pola continuidade da paralización do plan de xestión, que previsiblemente non se reactivará ata decembro. Segundo explicaron, descoñecen se nese momento haberá suficiente recurso marisqueiro para retomar a actividade, ao tempo que alertan de que as prestacións por cese de actividade rematarán nos próximos meses, agravando a situación económica de moitas familias.
Outro dos problemas expostos durante a reunión foi a denegación das axudas do Instituto Social da Mariña (ISM) a preto da metade das profesionais que solicitaron esta prestación. Ademais, reclamaron maior axilidade para acceder á semente necesaria para repoboar os bancos marisqueiros e abordar a perda de produtividade que afecta á ría.
Rosana Pérez e Óscar Insua trasladaron ás traballadoras o compromiso do BNG de continuar levando as súas reivindicacións ás institucións galegas. Os representantes nacionalistas aseguraron que seguirán reclamando medidas que permitan recuperar a produtividade dos bancos marisqueiros de Camariñas e garantir ingresos ás mariscadoras mentres permaneza suspendida a actividade extractiva.
Neste sentido, criticaron que a Xunta rexeitase recentemente unha proposta do BNG para crear unha liña de axudas específica para o sector marisqueiro de Camariñas. Segundo defenderon, o Goberno galego coñecía os riscos derivados da paralización do plan de explotación e debería ter previsto mecanismos de apoio para evitar que as traballadoras quedasen desprotexidas.
Os deputados tamén denunciaron a demora na resolución das axudas destinadas á compra de semente. Segundo indicaron, estes apoios acumulan xa catro meses de atraso, unha situación especialmente preocupante tendo en conta que a campaña de sementeira remata ao longo do mes de xuño.
“O sector marisqueiro está atravesando unha situación moi complicada e non é comprensible que a Consellería do Mar continúe sen ofrecer respostas eficaces”, sinalaron os representantes do BNG, que reclamaron maior implicación da Xunta para garantir o futuro dunha actividade fundamental para a economía e o emprego na comarca.