Os Socialistas de Malpica denuncian o mal estado das estradas municipais en Beo e Barizo

O grupo socialista de Malpica denunciou publicamente o deterioro que presentan diversas vías do municipio, poñendo como exemplo un importante bache situado na localidade de Beo que, segundo indican, leva meses sen ser reparado a pesar das reiteradas queixas dos veciños.

Desde a formación sinalan que os residentes da zona comunicaron en varias ocasións aos responsables municipais a necesidade de actuar sobre este punto da estrada, pero aseguran que, ata o momento, non se realizou ningunha intervención para solucionar o problema.

Os socialistas consideran que esta situación non é un caso illado, senón que reflicte o estado xeral das infraestruturas viarias do concello. “Así está todo o Concello de Malpica, feito un desastre”, afirman, criticando a falta de mantemento das vías municipais.

A denuncia tamén se estende á parroquia de Barizo. En concreto, fan referencia á zona das Garzas, onde os vehículos realizan o cambio de sentido e onde, segundo explican, existe un tramo da estrada duns metros de lonxitude que presenta numerosas fochancas. Os usuarios da vía advirten de que o seu estado pode provocar danos nos vehículos e supón unha molestia constante para os condutores.

Desde o grupo socialista cuestionan a xestión do goberno local e consideran que as actuacións en materia de conservación das estradas adoitan intensificarse só en períodos próximos ás eleccións. “Se cadra, cando falten un par de meses para as eleccións, volveremos ver camións e palas traballando en tromba; mentres tanto, os veciños teñen que seguir esquivando os buratos”, sinalan.

Os socialistas reclaman ao Concello unha actuación urxente para mellorar a seguridade viaria e garantir un adecuado mantemento das estradas municipais.