O BNG de Camariñas solicita o repintado dos vadéns da rúa do Porto para mellorar a seguridade viaria

O portavoz municipal do BNG de Camariñas, Xurxo Rodríguez Baña, aproveitou o último pleno ordinario, celebrado o venres 29 de maio, para trasladar ao goberno local un rogo no que reclamou o repintado dos vadéns e resaltos situados na coñecida como rúa do Porto, o tramo que conecta a zona da Grixa co campo de fútbol.

Segundo explicou o portavoz nacionalista, o estado actual da sinalización horizontal destes elementos redutores da velocidade dificulta a súa correcta visualización por parte dos condutores. Os vadéns atópanse practicamente sen pintura, o que pode provocar situacións de risco para os vehículos que transitan por esta vía.

Desde o BNG consideran que esta situación resulta especialmente preocupante durante a noite ou en condicións meteorolóxicas adversas, como os días de chuvia, cando a visibilidade diminúe considerablemente e os condutores poden atoparse cos resaltos sen tempo suficiente para reaccionar.

Por este motivo, Rodríguez Baña solicitou ao executivo municipal que acometa canto antes os traballos necesarios para repintar os vadéns e resaltos existentes neste tramo viario, co obxectivo de reforzar a seguridade viaria e evitar posibles accidentes.

O portavoz nacionalista sinalou que se trata dunha actuación de mantemento sinxela pero necesaria para garantir unha circulación máis segura tanto para os veciños como para as persoas que utilizan diariamente esta estrada de acceso ao campo de fútbol e a outras zonas do municipio.