
A organización da Festa da Carballeira presentou oficialmente este xoves a programación completa da súa 41ª edición nun acto celebrado na Cervecería Estrella Galicia da Coruña. O festival, considerado unha das citas de referencia da música de raíz en Galicia, celebrarase os días 7 e 8 de agosto en Zas cun cartel que combina artistas galegos, da Península Ibérica e do panorama internacional.
No acto participaron Diego Blanco, presidente da Asociación Castro Meda; Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; Manuel Muiño, alcalde do Concello de Zas; Cristina Canosa, técnica de Gastronomía e Proximidade de Estrella Galicia; e Xurxo Fernandes, unha das voces máis destacadas da música tradicional galega.
Durante a presentación, Diego Blanco destacou a dimensión desta nova edición, cualificándoa como “a Carballeira máis arriscada e ambiciosa da historia”. Segundo explicou, a organización aposta por continuar o crecemento do festival mantendo intacta a súa identidade e o compromiso coa música de raíz que o converteu nun referente cultural ao longo de máis de catro décadas.
A 41ª edición contará cun cartel especialmente diverso, reunindo propostas musicais de diferentes territorios e tradicións, nunha programación que busca reforzar o carácter internacional do evento sen perder a conexión coa cultura galega.
A organización anima ao público a reservar xa as datas do 7 e 8 de agosto para participar nunha nova edición da Festa da Carballeira, que volverá converter Zas nun punto de encontro para amantes da música tradicional, folk e de raíz.
As entradas xa están dispoñibles a través da páxina oficial do festival.
