
O pasado 4 de xuño, o grupo socialista presentou no Parlamento de Galicia unha solicitude formal de acceso a toda a documentación relacionada co permiso de investigación mineira denominado “Jorge Reyes”, que afecta á zona de Fornelos.
A petición realizouse coa participación da deputada de zona Patricia Iglesias e ten como obxectivo obter os informes técnicos, ambientais e xurídicos vinculados ao proxecto, así como o propio expediente de investigación mineira, o plan de restauración e as posibles alegacións presentadas durante o proceso de tramitación.
Segundo trasladan desde a formación, este paso enmárcase nun proceso de seguimento e control institucional co fin de garantir a transparencia e facilitar información clara á veciñanza sobre unha cuestión que consideran relevante para o territorio.
O PSdeG de Zas, a través da súa portavoz Sheila Rial Mata, tamén participou en encontros recentes de apoio á veciñanza afectada, sinalando que o grupo “está á disposición da cidadanía dende o primeiro momento para o que precisen”.
Desde a organización subliñan que continuarán avanzando nas xestións para asegurar o acceso á documentación e manter informada á poboación de Fornelos sobre a evolución do expediente e os posibles impactos do proxecto.
