A Plataforma Adiante Santa Comba critica a falta de iniciativas para recoñecer ás persoas maiores no municipio

Santa Comba.- A Plataforma Adiante Santa Comba expresou a través das redes sociais a súa disconformidade coa política municipal en materia de atención e recoñecemento ás persoas maiores. Nunha publicación difundida nos últimos días, o colectivo mostrou a súa decepción coa actitude do alcalde de Santa Comba, Alberto Romar, ao considerar que o Concello non promove actividades específicas para homenaxear este colectivo.

Desde a plataforma sinalan que a maioría dos concellos da contorna organizan encontros, xantares e festas dedicadas ás persoas maiores, mentres que en Santa Comba “segue sen existir unha celebración deste tipo”. Segundo indican, os maiores “foron fundamentais na construción do municipio actual grazas ao seu esforzo, traballo e compromiso ao longo dos anos”.

No comunicado tamén destacan que moitos dos maiores xalleiros apoiaron democraticamente os distintos gobernos municipais ao longo do tempo, polo que consideran que “merecen algo máis que o esquecemento institucional”.

A formación aclara que non se opón á organización doutros eventos culturais, deportivos ou festivos que se desenvolven no concello, pero entende que tamén debería existir espazo para actividades destinadas a recoñecer a contribución das persoas maiores á sociedade local.

Como exemplo, a Plataforma Adiante Santa Comba menciona o III Xantar Veciñal celebrado recentemente no Concello da Baña, unha iniciativa que reuniu máis de 500 persoas nunha xornada de convivencia, música e recoñecemento á veciñanza, coa participación do alcalde e dos membros do goberno municipal.

A través desta reflexión pública, o colectivo pregúntase por que Santa Comba non pode impulsar unha iniciativa semellante e reclama un día especial para homenaxear aos maiores do municipio. “Non estamos a pedir nada extraordinario, senón un xesto de respecto, gratitude e dignidade”, sinalan.

Finalmente, a plataforma fai un chamamento ao alcalde para que tome exemplo doutros municipios da comarca e impulse actividades que permitan recoñecer e valorar o papel das persoas maiores. “Os nosos maiores merecen ser escoitados, valorados e recoñecidos. Santa Comba ten unha débeda moral con eles e xa vai sendo hora de saldala”, conclúe o comunicado.