A Deputación reactiva as obras da estrada entre Hospital e Brens cun investimento de 1,7 millóns de euros

Dumbría, 9 de xuño de 2026.– A Deputación da Coruña retomou as obras de ampliación e mellora da estrada provincial DP-2302, que conecta os núcleos de Hospital e Brens, no concello de Dumbría, cun investimento total de 1.697.417,32 euros. O presidente provincial, Valentín González Formoso, acompañado polo alcalde de Dumbría, Raúl González Lado, e pola deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, supervisou este martes os traballos xa en execución.

A actuación permitirá completar a mellora dun tramo de preto de 3,8 quilómetros da vía, entre os puntos quilométricos 2+100 e 5+890, considerada unha infraestrutura fundamental para as comunicacións do municipio e para a seguridade viaria da veciñanza da Costa da Morte.

Co obxectivo de garantir unha execución áxil e o remate definitivo da actuación, a Deputación adxudicou os traballos á empresa pública TRAGSA, que actuará como medio propio da institución provincial.

Durante a visita, Valentín González Formoso destacou que a decisión responde á vontade da Deputación de “dar unha solución rápida e definitiva a unha obra que levaba demasiado tempo paralizada”. O presidente provincial sinalou que o proxecto permitirá desbloquear unha actuación pendente desde hai anos e cumprir o compromiso adquirido co Concello de Dumbría e coa cidadanía.

Pola súa banda, o alcalde Raúl González Lado cualificou o reinicio das obras como “un paso moi importante para mellorar unha vía clave para o municipio” e agradeceu a implicación da Deputación para resolver unha situación que afectaba á mobilidade e á seguridade dos usuarios da estrada.

As obras foran iniciadas no ano 2021 cun orzamento inicial de 826.753 euros, pero os atrasos na execución e o posterior abandono dos traballos por parte da empresa adxudicataria provocaron a resolución do contrato tras un prolongado proceso administrativo e xudicial.

O novo proxecto contempla a continuidade das actuacións previstas inicialmente, así como a reparación dos danos ocasionados polo paso do tempo e a incorporación de melloras adicionais para reforzar a seguridade viaria.

Entre os traballos previstos destacan o asfaltado integral do tramo, a instalación de novas barreiras de protección e varandas, a retirada de pretiles e diversas actuacións destinadas a optimizar o sistema de drenaxe.

A intervención permitirá ampliar a plataforma da estrada, que contará con dous carrís de circulación de entre 3 e 3,25 metros de ancho e beiravías de medio metro. Ademais, executaranse carrís de espera nas interseccións, realizaranse correccións de curvas e mellorarase a visibilidade en distintos puntos do trazado.

No ámbito da mobilidade sostible, o proxecto inclúe a construción dunha senda peonil de dous metros de ancho na marxe esquerda da vía, facilitando desprazamentos máis seguros para os peóns.

As actuacións completaranse coa adaptación das conexións coas estradas municipais, a renovación da sinalización vertical e horizontal e a instalación dos elementos de seguridade necesarios. O prazo de execución previsto para o conxunto das obras é de oito meses.

Con esta actuación, a Deputación da Coruña reforza o seu compromiso coa mellora da rede viaria provincial e coa seguridade das comunicacións nunha das principais vías de conexión do concello de Dumbría.