O BNG leva ao Parlamento galego a preocupación veciñal polo proxecto mineiro que afectaría a Fornelos

Zas, 9 de xuño de 2026.– O BNG trasladou ao Parlamento galego a inquietude da veciñanza de Fornelos, no concello de Zas, tras a autorización concedida pola Xunta de Galicia á empresa Caolines de Vimianzo, S.A. (Cavisa) para desenvolver traballos de investigación mineira na zona. A iniciativa foi rexistrada polo deputado nacionalista Óscar Insua, quen solicita explicacións sobre os criterios empregados para outorgar o permiso e sobre os posibles impactos patrimoniais e ambientais do proxecto.

O permiso de investigación, denominado Jorge Reyes, abrangue os concellos de Laxe, Cabana de Bergantiños e Zas, e ten como obxectivo a prospección de recursos mineiros de caolín, mica e minerais asociados durante un período de tres anos nunha superficie de seis cuadrículas mineiras.

Desde o BNG destacan que, aínda que o dereito mineiro afecta aos tres municipios, é o concello de Zas o que presenta unha maior incidencia, xa que unha parte importante da superficie afectada coincide co lugar de Fornelos, incluído dentro do perímetro da autorización. Segundo a formación nacionalista, a veciñanza, así como o propio Concello de Zas, non recibiron información previa por parte da Consellería de Industria sobre este proxecto.

Nas preguntas rexistradas na Cámara galega, Óscar Insua demanda coñecer os criterios que motivaron a concesión do permiso a Cavisa e pregunta se a Xunta avaliou previamente os posibles efectos sobre o patrimonio cultural da zona. Ademais, interesa saber se a Consellería ten previsto informar á veciñanza de Fornelos e ao Concello de Zas sobre o alcance da investigación e se contemplaría autorizar no futuro unha explotación mineira a ceo aberto nas inmediacións das vivendas do núcleo.

Pola súa banda, o responsable local do BNG de Zas, Óscar Lema, explicou que a organización tivo coñecemento da autorización do proxecto de investigación para unha posible explotación mineira a ceo aberto próxima a zonas habitadas da parroquia de Baio. Por este motivo, sinalou, solicitaron información completa sobre o expediente a través do seu representante parlamentario para analizar o seu contido e valorar a presentación de alegacións.

Lema advertiu dos posibles efectos que unha explotación destas características podería ter sobre o territorio. “Entendemos que unha explotación mineira a ceo aberto nesta localización pode causar graves prexuízos á zona, como contaminación do solo, das augas e do aire, ademais de afectar á saúde da veciñanza polo ruído e as vibracións”, afirmou. Tamén apuntou á posible perda de valor das vivendas e ao importante impacto ambiental e paisaxístico que unha actuación deste tipo podería provocar.

O representante nacionalista insistiu na necesidade de que a cidadanía poida acceder á información completa do expediente para garantir o exercicio dos seus dereitos de participación e defensa ante un proxecto que podería ter unha incidencia significativa no territorio e na calidade de vida da veciñanza.