Alternativa Enxebre critica ao Concello de Arteixo pola xestión do impacto do Porto Exterior na costa

Arteixo. A formación política Alternativa Enxebre de Arteixo denunciou publicamente a actuación do Goberno municipal en relación co impacto que, segundo sostén, a construción do Porto Exterior tivo sobre o litoral do municipio.

Nun comunicado, a agrupación asegura que os responsables políticos locais non defenderon adecuadamente os intereses de Arteixo durante as fases de planificación, desenvolvemento e execución da infraestrutura portuaria. Segundo indican, mentres outras administracións e territorios reclamaban medidas de protección para as súas zonas costeiras, o Concello non impulsou as actuacións necesarias para minimizar as posibles consecuencias sobre as praias e calas do municipio.

Alternativa Enxebre sinala que nos últimos anos diversos areais do litoral arteixán experimentaron cambios significativos, que atribúe ás alteracións da dinámica litoral e das correntes mariñas asociadas á construción do Porto Exterior. Entre os efectos observados, destacan a perda de area en determinados puntos e a maior presenza de pedras e bolos en zonas que historicamente se caracterizaban por amplos areais.

A formación asegura que esta situación é coñecida tanto polos veciños e veciñas como polas persoas que visitan habitualmente as praias do municipio, e considera que a transformación dalgúns espazos naturais é unha realidade evidente.

Así mesmo, critica que o Goberno local poña o foco nos recoñecementos e distintivos obtidos por algunhas praias, como as bandeiras de calidade, mentres, ao seu xuízo, non se afrontan os problemas estruturais que afectan á conservación do litoral.

Desde Alternativa Enxebre preguntan se o Concello fixo todo o posible para defender os intereses de Arteixo, da súa costa e do seu patrimonio natural ao longo do proceso de desenvolvemento do Porto Exterior. A organización conclúe que a protección do patrimonio natural require máis actuacións e compromiso institucional que campañas de promoción ou actos protocolarios.

A formación remata reiterando a necesidade de impulsar medidas efectivas para a conservación e recuperación do litoral arteixán, co obxectivo de preservar un patrimonio natural que considera fundamental para o municipio e para as futuras xeracións.