
A Laracha, 13 de xuño de 2026. A Plataforma Stop Biogás A Laracha participou hoxe no Roteiro das Fontes do Anllóns, unha actividade organizada por Senda Nova dentro do programa Espías do Bosque da Deputación da Coruña, co obxectivo de dar a coñecer os valores naturais, patrimoniais e culturais das cabeceiras deste emblemático río da comarca.
Durante a xornada, as persoas participantes puideron percorrer e coñecer os diferentes ramais que conforman o nacemento do río Anllóns, incluíndo o procedente do Monte Xalo, o río de Mantiñán e o río do Cotaredo, así como o punto onde estes cursos de auga se atopan co outro ramal que nace nos límites con Cerceda e descende desde o Pé da Mua, en Meirama, ata Soandres.
No punto de encontro destes regos, onde o Anllóns comeza a adquirir un maior caudal, observáronse diversas construcións etnográficas de gran valor histórico e cultural, como presas e muíños tradicionais. Ademais, recuperouse e divulgouse a toponimia das pontes que cruzan o percorrido, entre elas a Ponte do Sal, a Ponte Gorda e a Ponte do Bellón.
Ao longo do roteiro tamén se puxo de manifesto a fraxilidade ecolóxica desta contorna, especialmente sensible por tratarse das cabeceiras do río. Desde a Plataforma Stop Biogás A Laracha sinalouse a preocupación polos posibles impactos que a proxectada planta de biogás podería ter sobre o ecosistema fluvial, a biodiversidade e a calidade de vida da veciñanza.
A actividade permitiu igualmente identificar diferentes elementos da fauna e flora características da zona. Entre eles, destacaron os pasos e indicios da presenza do porco teixo e dos esquíos, así como unha rica vexetación asociada ao bosque de ribeira, ás brañas e aos espazos herbais.
As entidades organizadoras destacaron a importancia deste tipo de iniciativas para fomentar o coñecemento e a valoración do patrimonio natural e cultural do territorio. Así mesmo, subliñaron a necesidade de continuar promovendo o debate social arredor da protección do río Anllóns, da conservación do patrimonio asociado e dos efectos que poden ter grandes infraestruturas industriais como as macroplantas de biogás.
A xornada rematou cun chamamento á participación cidadá e á defensa dun modelo de desenvolvemento compatible coa conservación dos recursos naturais e do patrimonio das xeracións futuras.