Comezan as obras de mellora da vía no Aprazadoiro e a preparación da futura rede de saneamento

Laxe, 14 de xuño de 2026. O Concello de Laxe iniciou esta semana os traballos de mellora da vía no lugar do Aprazadoiro, unha actuación demandada polos veciños e veciñas debido ao deterioro que presentaba este tramo.

As obras inclúen a reparación da estrada para mellorar a seguridade e a comodidade da circulación, tanto para os residentes da zona como para os usuarios habituais desta importante vía municipal.

Ademais, aproveitando a execución destes traballos, o Concello está a instalar as tubaxes necesarias para facilitar a futura ampliación da rede de saneamento. Esta actuación permitirá avanzar na modernización das infraestruturas básicas e optimizar futuras intervencións na zona.

Desde o goberno local destacan que esta actuación constitúe unha primeira fase dun proxecto máis amplo que terá continuidade nos vindeiros anos. O obxectivo é seguir mellorando progresivamente esta vía e dotar ao lugar dos servizos e infraestruturas que demanda a veciñanza.

O Concello de Laxe reafirma así o seu compromiso coa mellora dos núcleos rurais do municipio, apostando por investimentos planificados que contribúan á calidade de vida da cidadanía e ao desenvolvemento equilibrado do territorio.