O PSOE de Malpica reclama unha ambulancia medicalizada permanente para Bergantiños

O Grupo Municipal Socialista de Malpica de Bergantiños presentou no último pleno unha moción para instar á Xunta de Galicia a dotar á comarca de Bergantiños dunha ambulancia medicalizada de Soporte Vital Avanzado (SVA) con base permanente no territorio.

Segundo defendeu o PSOE, a medida responde á necesidade de reforzar a atención sanitaria urxente nunha comarca que, na actualidade, depende de recursos situados fóra da zona, principalmente na Coruña. Os socialistas consideran que esta situación pode provocar tempos de resposta superiores aos 30 minutos en casos de emerxencia grave, un período que pode resultar determinante para salvar vidas.

“Nunha emerxencia grave, cada minuto conta”, sinalan desde a formación, que considera inxusto que a veciñanza de Bergantiños non dispoña dun servizo medicalizado máis próximo e adaptado ás necesidades da poboación.

A moción presentada tamén reclama unha mellor planificación dos recursos de emerxencias sanitarias e un incremento dos medios dispoñibles para garantir unha atención rápida e eficaz. Desde o PSOE de Malpica destacan que a comarca conta cunha importante dispersión xeográfica e unha poboación que aumenta considerablemente durante determinadas épocas do ano, circunstancias que reforzan a necesidade de contar cunha ambulancia medicalizada de forma permanente.

Os socialistas insisten en que a sanidade pública debe ofrecer os mesmos niveis de cobertura e seguridade a toda a cidadanía, independentemente do lugar onde resida, e consideran que Bergantiños merece unha atención urxente “á altura do que demanda e necesita a súa veciñanza”.

A iniciativa foi defendida no pleno municipal como unha reivindicación necesaria para mellorar a capacidade de resposta ante situacións críticas e reforzar a seguridade sanitaria de todos os municipios da comarca.