O PSOE de Carballo encheu onte a vila de pancartas reclamando á Xunta unha ambulancia medicalizada para Bergantiños

Carballo, 16 de xuño de 2026.– O PSOE de Carballo levou a cabo onte unha acción reivindicativa na vila coa colocación de numerosas pancartas para reclamar á Xunta de Galicia a dotación dunha ambulancia medicalizada para a comarca de Bergantiños.

A iniciativa enmárcase na campaña que os socialistas veñen desenvolvendo para esixir unha mellora dos recursos sanitarios da comarca e para demandar unha resposta inmediata por parte do Goberno galego a unha petición que consideran prioritaria.

Baixo o lema “Ambulancia Medicalizada Xa”, as pancartas foron instaladas en diferentes puntos de Carballo co obxectivo de visibilizar unha demanda que, segundo o PSOE, responde a unha necesidade real dos veciños e veciñas da comarca.

Dende o PSdeG-PSOE destacan que seguirán traballando para que a Xunta de Galicia atenda esta reivindicación e dote a Bergantiños dun servizo que permita ofrecer unha resposta máis rápida e eficaz ante emerxencias sanitarias graves.

“Dende o PSdeG Socialistas de Galicia seguimos loitando para que a Xunta conceda unha ambulancia medicalizada para a nosa comarca. A saúde da cidadanía debe ser unha prioridade e non imos deixar de reclamar este recurso esencial”, sinalan desde a formación.

Os socialistas consideran que a incorporación dunha ambulancia medicalizada contribuiría a reforzar a asistencia sanitaria de urxencia, mellorando a atención aos pacientes e aumentando a seguridade de toda a veciñanza.

❤️ A saúde non pode esperar.
🚑 Ambulancia Medicalizada Xa para Bergantiños. 🚑