
A actuación permitirá solucionar os problemas de filtracións e condensación do polideportivo de Perillo e incluirá a renovación completa da instalación eléctrica.
O Concello de Oleiros contratará proximamente as obras de renovación da cuberta do Pavillón Polideportivo Valle-Inclán, situado en Perillo, cun investimento de 368.000 euros.
A intervención contempla a substitución da actual cuberta de paneis sándwich e do lucernario, que presentan problemas de filtracións de auga e condensación. O obxectivo é mellorar as condicións de conservación do edificio e garantir un maior confort para as persoas usuarias das instalacións deportivas.
Os traballos incluirán tamén a renovación das baixantes e dos canalóns, así como a substitución dos equipos de ventilación estática situados na cuberta. Ademais, aproveitarase esta actuación para renovar por completo a instalación eléctrica do pavillón.
Esta mellora forma parte da estratexia municipal para avanzar cara a unhas instalacións deportivas máis eficientes e sostibles. Neste sentido, nunha intervención posterior, financiada con cargo a outra obra, está prevista a instalación de placas solares que permitirán reducir o consumo enerxético do edificio.
Segundo as previsións municipais, o inicio das obras está previsto para as primeiras semanas de 2027.
Con este investimento, o Concello de Oleiros continúa coa mellora e modernización das infraestruturas deportivas municipais, atendendo ás necesidades de mantemento e eficiencia enerxética dos equipamentos públicos.
