Veciñanza denuncia o mal estado dos accesos á praia de Estorde e do paseo marítimo de Quenxe, en Cee

Cee. Veciños e veciñas do municipio de Cee volveron denunciar o deterioro de varias infraestruturas situadas nas praias de Estorde e Quenxe, advertindo do perigo que supón para residentes e visitantes a falta de actuación por parte das administracións responsables.

Na entrada da praia de Estorde existe un burato de grandes dimensións no que pode encaixar perfectamente o pé dunha persoa adulta. Segundo denuncian os afectados, o problema leva máis dun ano sen ser reparado, malia as reiteradas queixas trasladadas aos organismos competentes.

A veciñanza amósase preocupada polo risco de accidente que supón este desperfecto. «Parece que haberá que esperar a que alguén rompa unha perna para que o arranxen», lamentan.

A esta situación súmase o estado de deterioro que presenta o paseo marítimo da praia de Quenxe. Os veciños aseguran que esta infraestrutura leva anos en malas condicións e que, a pesar das denuncias realizadas ao longo do tempo, non se acometeron melloras significativas.

Unha veciña lembra que a súa nai sufriu unha caída neste paseo e tivo que ser trasladada en ambulancia ao hospital. «Denuncieino no seu día, pero todo segue igual», explica.

Os afectados consideran que, cando menos de maneira provisional, debería instalarse unha valado de protección nos tramos máis deteriorados para evitar posibles accidentes mentres non se executan as reparacións necesarias.

Coa chegada do verán e o incremento de visitantes nas praias do municipio, a preocupación entre a veciñanza aumenta. «Oxalá non pase nada, pero o perigo está aí», conclúen.