
Un profesional do sector das emerxencias, con un 43 % de discapacidade recoñecida, relata as dificultades físicas e psicolóxicas que atravesa para defender a súa incapacidade laboral
Un profesional do sector das emerxencias e supervivente dun cancro de colon decidiu facer público o seu testemuño para denunciar as dificultades ás que se enfronta desde que sufriu unha grave extravasación durante unha sesión de quimioterapia, así como o posterior conflito administrativo e laboral arredor da súa situación de saúde.
O afectado foi diagnosticado de cancro de colon en decembro de 2023 e operado en febreiro de 2024. Posteriormente iniciou o tratamento con quimioterapia, coa intención de superar a enfermidade e regresar canto antes ao seu posto de traballo.
O 6 de xuño de 2024, durante a que sería a súa última sesión de quimioterapia, produciuse unha extravasación no brazo dereito. Segundo relata, o medicamento estivo aproximadamente unha hora administrándose fóra da vía antes de que el mesmo advertise que tiña o brazo completamente inchado.
O que debía ser o final do tratamento converteuse, segundo o seu relato, no inicio dunha longa etapa marcada pola dor e as secuelas físicas.
“Ese día non rematou o meu tratamento. Ese día comezou o meu puto inferno”, explica.
Entre xuño e outubro de 2024 asegura que apenas podía durmir debido á intensidade da dor, que describe como “ter un soplete metido no brazo”. A pesar do tratamento analxésico e das indicacións médicas, as molestias continuaron.
O impacto tamén afectou á súa vida familiar. O profesional relata que, en momentos de especial intensidade da dor, pedía á súa parella que levase os fillos ao parque para poder quedar só e berrar sen que os nenos o escoitasen.
Fibrose, dor neuropática e limitación funcional
A partir de entón comezou un longo percorrido por diferentes servizos médicos, entre eles Dermatoloxía, Neuroloxía, Rehabilitación e Cirurxía Vascular. Segundo a documentación médica que asegura ter, diagnosticáronselle fibrosis, dor neuropática, parestesias, afectación do nervio mediano e limitación funcional do brazo.
O afectado ten recoñecido actualmente un 43 % de discapacidade.
Porén, afirma que as resolucións administrativas non sempre reflicten, ao seu xuízo, a realidade das súas limitacións físicas.
Un dos puntos que máis cuestiona é que se valore a súa capacidade laboral sen ter suficientemente en conta as dificultades que, segundo explica, implica empregar o brazo para tarefas propias do seu traballo en emerxencias.
“Que intentasen mover unha padiola, suxeitar un paciente ou reaccionar ante unha emerxencia co meu brazo”, reclama.
Tamén destaca o impacto que as secuelas teñen na súa vida familiar. Conta que a súa filla, de seis anos, quere xogar con el, pero en numerosas ocasións ten que advertirlle que teña coidado co brazo porque o contacto lle provoca dor.
A ansiedade, outro capítulo do proceso
O deterioro físico acabou tendo tamén consecuencias psicolóxicas. Segundo o seu testemuño, o seu primeiro episodio importante de ansiedade produciuse en agosto de 2025, cando se atopaba en Urxencias.
O afectado insiste en que os problemas de ansiedade non apareceron posteriormente para xustificar unha baixa laboral. Segundo explica, xa estaba de baixa desde o 20 de decembro de 2023 e o seu obxectivo sempre fora regresar ao traballo.
“Eu quería volver traballar. O meu maior soño era volver á miña ambulancia. Quería deixar de ser paciente e volver ser traballador”, afirma.
O 6 de febreiro de 2026 recibiu a denegación da súa incapacidade permanente. Tres días despois, o 9 de febreiro, acudía novamente ao seu médico por presentar o problema físico do brazo e unha crise de ansiedade.
Segundo relata, o médico xa viña tratando a súa ansiedade desde 2025 e deixou constancia de que esta figuraba en eSIAP nesa mesma data. Con todo, o diagnóstico non quedara reflectido inicialmente na documentación da incapacidade temporal.
Un conflito que transcende o ámbito sanitario
A partir de aí, o caso entrou tamén no terreo administrativo e laboral. O afectado relata contactos coa Inspección Médica, resolucións do INSS, cuestións relacionadas coa empresa, períodos de vacacións e permisos, reclamacións económicas e posibles consecuencias disciplinarias.
Segundo o seu relato, o 18 de maio o seu médico contactou coa Inspección Médica e o día seguinte recibiu resposta indicando que o diagnóstico inicial non podía modificarse, aínda que podía ampliarse mediante un diagnóstico de confirmación.
O afectado considera que esta situación pon de manifesto a distancia que ás veces existe entre a realidade clínica dunha persoa e o que finalmente queda reflectido nun expediente administrativo.
“Unha cousa é o que lle pasa a unha persoa e outra é o que termina escrito nunha casa”, resume.
Agora asegura estar tamén inmerso en procedementos xudiciais relacionados coa súa situación laboral e económica. Nese contexto, rexeita que os períodos nos que non puido traballar sexan interpretados como ausencias voluntarias.
“Non vou aceptar que unha situación médica controvertida se converta nunha ausencia voluntaria. Eu quería traballar. Quería volver. Quería recuperar a miña vida. Pero o meu corpo non mo permitía”, afirma.
Máis de dous anos despois, a dor continúa
O pasado 27 de agosto de 2026, segundo o seu testemuño, regresou a Urxencias debido a un empeoramento importante da dor no brazo. Refire síntomas como rixidez cutánea, hiperestesia e dor á palpación.
Máis de dous anos despois da extravasación, asegura que a lesión continúa condicionando a súa vida.
O seu relato pretende poñer o foco nunha cuestión que, ao seu xuízo, vai máis alá do seu caso persoal: as dificultades que afrontan determinados traballadores enfermos ou con secuelas permanentes cando a súa situación clínica debe ser traducida a informes, diagnósticos, expedientes e resolucións administrativas.
“Detrás de cada papel hai unha persoa. Detrás de cada resolución hai unha familia. Detrás de cada expediente hai noites”, conclúe.
