BNG denuncia a falta de execución dun terzo do orzamento da Consellería do Mar en 2025

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) criticou no Parlamento galego a xestión da Xunta de Galicia na Consellería do Mar, ao asegurar que o departamento deixou sen executar preto dun terzo do seu orzamento de 2025 malia a “situación alarmante” que atravesa o sector, especialmente o marisqueiro.

A portavoz de Pesca do BNG, a deputada Rosana Pérez, afirmou que a consellería dispuxo inicialmente de 220,7 millóns de euros para 2025, pero finalmente executou arredor de 149 millóns, o que suporía unha execución do 67,5% e a non utilización de 71,7 millóns de euros.

Segundo a deputada nacionalista, esta situación non sería illada, senón recorrente nos últimos exercicios. O BNG sostén que desde 2023 acumuláronse máis de 224 millóns de euros sen executar no departamento, nun contexto que cualifican de deterioro continuado do sector marítimo galego.

Durante a súa intervención parlamentaria, Rosana Pérez criticou o que considera unha política centrada na “propaganda e os anuncios”, ao tempo que advertiu do impacto da falta de investimento na produtividade das rías e na perda de emprego, especialmente no marisqueo a pé, que estima en case 950 postos desde 2010.

O BNG tamén defendeu unha iniciativa na comisión parlamentaria na que reclamaba á Xunta que reinvista os fondos non executados en 2025 en medidas de recuperación do sector, investigación mariña e apoio á remuda xeracional. Así mesmo, pediu limitar o traslado de partidas orzamentarias a outras áreas e garantir unha execución do 100% dos orzamentos da consellería.

A proposta foi rexeitada cos votos do Partido Popular no Parlamento galego.