Adiante Santa Comba responde a Antonio Landeira e acusa ao exalcalde de recorrer ao «sarcasmo» para evitar o debate de fondo

A Plataforma Adiante Santa Comba criticou con dureza as declaracións realizadas por Antonio Landeira nas que, segundo o colectivo, minimizaba os efectos do consumo habitual de bebidas gaseosas entre os máis pequenos. A entidade considera que este tipo de mensaxes «ignoran a evidencia científica» e contribúen a normalizar hábitos pouco saudables entre a poboación infantil.

Sr. Landeira:

Confeso que quedei fascinado coa súa capacidade narrativa e coa súa innegable verborrea mediática. Non esperaba menos de quen pretende converter un debate sobre hábitos saudables nun exercicio literario cargado de sarcasmo e desvíos.

O curioso é que, mentres vostede ridiculiza unha medida que vai na liña do que recomendan desde hai anos as autoridades sanitarias, son precisamente médicos, nutricionistas e profesionais da saúde quen levan décadas advertindo dos riscos do consumo habitual de bebidas azucradas e carbonatadas, especialmente entre os máis novos. Fálase de obesidade, problemas dentais, diabetes e enfermidades cardiovasculares. Iso non o inventa ningún concelleiro nin ningún alcalde; é unha evidencia amplamente coñecida.

Sorpréndeme tamén que fale con tanta soltura de coherencia e transparencia quen formou parte dun goberno que deixou ao Concello nunha situación económica moi complicada, cunha débeda que condicionou durante anos a súa xestión. Cada un leva ás costas o seu propio legado.

Na súa resposta percíbese máis resignación que humor. Dá a impresión de que aínda custa aceptar que os compañeiros do pp decidiran cambiar o rumbo político en 2014. Iso é perfectamente lexítimo, pero converter ese desacougo nun ataque permanente aos teus ex compañeiros non cambia a realidade.

En canto ás súas referencias persoais e ás leccións de moral, resultan pouco convincentes cando vostede mesmo evita entrar no fondo do asunto e prefire recorrer á sátira e ás insinuacións.

Respecto a ex alcaldesa, vostede pode seguir defendendo aos de sempre. Outros preferimos valorar o traballo e os feitos antes que os relatos interesados.

E sobre Valladares (Outes), invito os veciños a que pregunten por ti e no caso do Bar Duca, cando corresponda e cos feitos enriba da mesa, xa haberá ocasión de falar. Ata entón, menos literatura e máis argumentos.

Unha aperta.