
Estorde (Cee). A retirada da histórica figueira situada nas dunas da praia de Estorde provocou fonda tristura entre a veciñanza, que considera a árbore un símbolo da contorna e parte da memoria colectiva da parroquia.
Durante décadas, varias xeracións medraron coa presenza desta figueira, convertida nun referente para quen frecuentaba a praia. A súa desaparición, levada a cabo hoxe, xerou numerosas queixas e mensaxes de pesar por parte de residentes e visitantes habituais.
«É unha mágoa para nós, que amamos a praia de Estorde, ver como fan desaparecer a fermosa figueira das súas dunas. Medramos xuntos con ela varias xeracións e agora viñeron destruíla», expresan veciños da zona.
A veciñanza considera que a perda desta árbore vai máis alá do impacto paisaxístico, xa que representaba un elemento moi querido e vinculado aos recordos de infancia e ás vivencias de moitas familias. Para moitos, a súa desaparición simboliza unha nova ferida ao patrimonio natural da costa.
Entre a indignación e a tristeza, os veciños fan un chamamento para que no futuro se valore e protexa con maior sensibilidade aqueles elementos naturais que forman parte da identidade e da historia das comunidades locais. «Chora unha vez máis a natureza», conclúen, resumindo o sentimento compartido por boa parte da veciñanza.