Actos incívicos no uso dos contedores incrementan os custos para toda a veciñanza

O Concello de Vimianzo fai un chamamento á responsabilidade cidadá tras detectar novos actos incívicos relacionados co depósito incorrecto de residuos nos contedores do municipio.

Nas imaxes rexistradas pode observarse como envases de plástico foron depositados no contedor de fracción resto, mentres que caixas de cartón quedaron abandonadas fóra do seu contedor correspondente. Resulta especialmente preocupante que os contedores específicos para papel/cartón e envases se atopan a escasos metros do lugar.

Este tipo de comportamentos supón un custo económico adicional que repercute directamente nas arcas municipais e, en consecuencia, é asumido por toda a veciñanza.

Desde o Concello solicítase a colaboración de todos os veciños e veciñas para facer un uso correcto dos contedores e contribuír a manter limpo o municipio. Así mesmo, anímase á cidadanía a comunicar ao Concello calquera acto incívico deste tipo do que sexa testemuña, co fin de poder adoptar as medidas oportunas.

Co compromiso e a colaboración de todos e todas, é posible manter un Vimianzo máis limpo, coidado e respectuoso co medio ambiente.