O BNG de Ponteceso presenta alegacións ao Plan de Xestión do Risco de Inundacións para defender o campo do Pinguel

O BNG de Ponteceso presentou esta mañá alegacións ao Plan de Xestión do Risco de Inundacións da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, co obxectivo de modificar as actuacións previstas no municipio e minimizar o impacto que estas poderían ter sobre diferentes espazos de uso público.

A formación nacionalista súmase así ás alegacións xa rexistradas por outros colectivos e entidades, nun esforzo conxunto por introducir cambios no documento antes da súa aprobación definitiva.

Entre as principais demandas destaca a intención de evitar a necesidade de trasladar o campo de fútbol do Pinguel, unha infraestrutura deportiva de gran importancia para a veciñanza e para a actividade do deporte base no concello.

Ademais, o BNG propón que as actuacións previstas permitan mellorar o aproveitamento cidadán do espazo afectado, apostando por solucións que compatibilicen a protección fronte ás inundacións coa conservación dos equipamentos existentes e a creación de novas zonas de uso e lecer para a veciñanza.

Desde o BNG sinalan que é posible acadar un equilibrio entre a seguridade hidráulica e a defensa dos intereses do municipio, polo que agardan que as alegacións sexan tidas en conta durante a tramitación do plan.