Un ferido atrapado tras unha colisión frontal entre un turismo e un cuadriciclo en Muxía

Unha colisión frontal entre un turismo e un cuadriciclo rexistrada a primeira hora da mañá deste luns en Vilastose, no concello de Muxía, saldouse con dúas persoas feridas, unha delas atrapada no vehículo e que tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Cee.

O accidente produciuse pouco antes das oito da mañá, na zona de Calo. Foi unha chamada ao 112 Galicia a que deu a voz de alarma e permitiu activar un operativo no que participaron os servizos sanitarios, os bombeiros e a Garda Civil de Tráfico.

O condutor do turismo resultou ferido e foi evacuado para a súa valoración médica. Pola súa banda, o ocupante do cuadriciclo quedou atrapado no interior do vehículo, polo que foi necesaria a intervención dos Bombeiros de Cee para liberalo.

Unha vez excarcerado, o ferido foi atendido por unha dotación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e trasladado a un centro hospitalario con lesións de maior consideración.

A Garda Civil de Tráfico fíxose cargo da regulación da circulación e da investigación para esclarecer as circunstancias nas que se produciu o sinistro.