Sergio García Villar critica o «afán de protagonismo» de membros do PP tras o accidente de Leiloio

O concelleiro do PSOE en Malpica de Bergantiños, Sergio García Villar, amosou o seu desacordo coa actuación pública dalgúns membros do goberno municipal do PP tras o accidente de tráfico rexistrado este domingo nas curvas de Xevide, na parroquia de Leiloio, á entrada do termo municipal de Malpica.

En primeiro lugar, García Villar trasladou o seu desexo de que todas as persoas afectadas no sinistro evolucionen favorablemente e se recuperen das feridas sufridas.

O edil socialista lembrou unha experiencia vivida durante a súa etapa no goberno municipal, cando se produciu un accidente en Cerqueda no que perdeu a vida unha muller. Segundo explicou, el mesmo, xunto con Walter Pardo e José Cañizo, acompañaron á familia da vítima, que quedaba con dous fillos pequenos.

«Foi un momento moi duro e non podía conter as bágoas», sinalou.

Tamén recordou que, naquela ocasión, un xornalista preguntou se debía incluír os nomes dos representantes políticos na información. García Villar asegura que a súa resposta foi clara: «Díxenlle que non puxera os nosos nomes, senón os de quen realmente fixeran todo o posible para que a traxedia non fose aínda maior: os sanitarios, os corpos e forzas de seguridade e Protección Civil».

Neste sentido, criticou que, ao seu xuízo, «o actual goberno ten tanto afán de protagonismo que aparece nas noticias como se grazas a eles se rescatase ou salvase algunha vida».

Para rematar, o concelleiro socialista afirmou que esta actitude «dá pena, ou máis ben lástima», insistindo en que o verdadeiro recoñecemento debe recaer nos profesionais dos servizos de emerxencias que interveñen en situacións deste tipo.