O CSIF esixe ao Concello de Santa Comba o pago inmediato dos atrasos salariais ao persoal empregado público

O persoal empregado público do Concello de Santa Comba continúa sen percibir os atrasos salariais que lle corresponden pola actualización retributiva aprobada polo Goberno.

Aínda que a subida salarial xa foi incorporada ás nóminas, os importes correspondentes aos atrasos acumulados seguen sen aboarse, xerando un importante prexuízo económico para os traballadores e traballadoras municipais.

Desde o CSIF lembran que esta subida salarial é de obrigado cumprimento para todas as administracións públicas, polo que consideran inxustificable o atraso no pagamento das cantidades pendentes. O sindicato denuncia que esta situación está a provocar que o persoal leve meses agardando por unhas retribucións que lle corresponden por dereito.

Ante esta situación, o CSIF solicita e esixe ao Concello de Santa Comba:

  • O pago inmediato de todos os atrasos salariais pendentes.
  • A convocatoria urxente dunha Mesa Xeral de Negociación para abordar esta e outras cuestións que afectan ao persoal municipal.
  • Un compromiso claro por parte do Goberno municipal para garantir o cumprimento das obrigas legais en materia retributiva e evitar que situacións coma esta volvan repetirse.

O sindicato reclama unha solución inmediata e insta ao Concello a actuar con responsabilidade, cumprindo coa normativa vixente e respectando os dereitos económicos das empregadas e empregados públicos, que non poden seguir soportando demoras inxustificadas no cobro dunhas cantidades que legalmente lles pertencen.