
Coristanco. O Concello de Coristanco vén de completar, nas últimas semanas, un total de sete actuacións en distintos puntos do municipio que supoñen un investimento conxunto superior aos 900.000 euros. As obras permitiron mellorar infraestruturas básicas, renovar espazos urbanos e reforzar a sinalización turística.
Entre as intervencións rematadas atópanse as obras de saneamento nos lugares de Nogueira, Rodeiro e Carantos, cun investimento global de 175.000 euros, destinadas a ampliar e mellorar a rede de saneamento nestes núcleos.
Tamén concluíu o proxecto de sinalización e información de zonas de interese turístico e dos accesos aos diferentes núcleos de poboación, unha actuación orientada a facilitar a mobilidade e potenciar os recursos turísticos do concello.
No ámbito urbano, o Concello recepcionou as obras de humanización da avenida de Finisterre e das rúas interiores de Bormoio-Agualada. Esta actuación contou cun investimento de 206.049 euros, financiados con fondos propios municipais e a través do Plan de Obras e Servizos (POS+) da Deputación da Coruña.
Por outra banda, remataron os traballos de reurbanización de viarios no lugar da Igrexa, así como nos lugares de Outeiro e Campolongo, todos eles situados na parroquia de Xaviña. Estas actuacións supuxeron un investimento de 463.191 euros, financiados mediante o POS+ 2025.
Desde o Concello destacan que estas actuacións contribúen á mellora das infraestruturas municipais, á modernización dos espazos públicos e ao incremento da calidade de vida da veciñanza, ao tempo que reforzan a seguridade viaria e a accesibilidade en diferentes puntos do municipio.
