
A Consellería de Medio Rural continúa avanzando nos traballos de recuperación e mellora das pistas forestais no concello de Fisterra. Nestes días, as actuacións céntranse nas zonas do Monte do Cabo e Seoane, onde a maquinaria segue traballando para acondicionar estas vías de acceso.
Estes labores teñen como obxectivo mellorar a conservación e o mantemento da rede de pistas forestais, fundamentais tanto para a xestión dos montes como para facilitar o acceso en labores de prevención e extinción de incendios, ademais de contribuír á posta en valor dos espazos forestais do municipio.
Os traballos avanzan a bo ritmo e xa se aprecia unha mellora significativa nas zonas nas que se actuou. Non obstante, aínda quedan algunhas áreas pendentes de intervención, nas que a Consellería de Medio Rural continuará desenvolvendo as actuacións ao longo dos vindeiros días ata completar os labores previstos.
Con esta intervención, refórzase o compromiso coa conservación do medio natural e coa mellora das infraestruturas forestais, fundamentais para garantir unha xestión sostible e segura dos montes de Fisterra.



