
O exalcalde de Muxía, Iago Toba, realizou duras críticas contra o actual goberno municipal, formado por PP, BNG e IxM, ao que acusa de «desprezar» a parroquia de Os Muíños e aos seus veciños.
Segundo Toba, a situación actual do concello leva a moitos cidadáns a preguntarse cal foi o verdadeiro obxectivo da moción de censura que permitiu a chegada do novo executivo municipal. «¿Para que fixeron a moción de censura? ¿Para que se uniron os tres?», preguntou, asegurando que o goberno resultante foi «unha estafa, un fraude e un engano».
O exrexedor sostén que as tres formacións políticas «temen que sexan os veciños os que falen libremente nas urnas» e critica que accederan ao goberno municipal mediante unha moción de censura, afirmando que o fixeron «pola porta traseira».
Fronte a esta situación, Toba asegura que o seu grupo continuará exercendo unha oposición firme, centrada —segundo afirma— na defensa dos intereses da veciñanza e do conxunto do municipio. Entre os seus compromisos destaca a defensa dos votos e da confianza depositada polos cidadáns, a denuncia das decisións que considera prexudiciais para Muxía e a protección dos intereses dos 104 lugares que conforman o concello.
As declaracións do exalcalde enmárcanse na confrontación política existente no municipio tras a moción de censura que modificou o goberno local, mantendo vivo o debate sobre a xestión municipal e o futuro de Muxía.