
Coristanco, 9 de xullo de 2026. O Grupo Municipal Socialista de Coristanco criticou este xoves ao goberno local do PP por realizar tarefas de limpeza con auga nas beirarrúas e espazos públicos en plena vaga de calor e nun contexto no que varios núcleos do municipio continúan afectados por restricións no subministro.
O portavoz socialista, José Manuel Pérez Abelenda, cualificou a actuación de «irresponsable e incoherente», ao considerar que contradí as mensaxes de aforro de auga trasladadas á veciñanza.
Segundo explicou o PSdeG local, durante os últimos días recibiron queixas de veciños e veciñas que denuncian que, mentres se lles pide reducir o consumo doméstico, o Concello estaría empregando auga potable para a limpeza de pavimentos.
Abelenda sostén que estas tarefas «poderían realizarse mediante métodos alternativos menos agresivos e máis acordes coa situación de emerxencia climática», como o varrido manual ou o uso de maquinaria que non requira consumo de auga potable.
O voceiro socialista considera que a situación resulta «especialmente grave» porque existen zonas do municipio que sofren restricións horarias no abastecemento, unha circunstancia que, asegura, afecta tanto ás familias como aos comercios e ás explotacións agrícolas.
«A cidadanía merece un goberno local que actúe con responsabilidade, coherencia e sensibilidade ante unha situación que afecta directamente ao benestar de todos. Lavar beirarrúas en plena ola de calor, mentres se pide aos veciños que reduzan o seu consumo, transmite unha mensaxe de desigualdade e falta de planificación», afirmou.
Ante esta situación, o Grupo Municipal Socialista solicita ao Concello a suspensión inmediata destas tarefas de limpeza con auga ata que se normalice o abastecemento, así como a implantación de sistemas alternativos de mantemento viario que permitan reducir o consumo de recursos hídricos.
Os socialistas conclúen que «a crise climática esixe responsabilidade institucional» e reclaman que o goberno municipal dea exemplo no cumprimento das medidas de aforro de auga que se recomendan á poboación.