
Os nacionalistas sinalan que “a situación do SVA en Galiza é precaria, e precisa que haxa unha aposta real e efectiva do Ministerio con este servizo fundamental para vixiar o narcotráfico no noso país”
Santiago de compostela, 9 de xullo de 2026. Os deputados do BNG no Parlamento galego Oscar Insua e Iago Tabarés mantiveron unha xuntanza con Henrique del Río e Xurxo A. Vázquez, representantes da Confederación Intersindical Galega (CIG) na Axencia Tributaria, para analizar a situación dos servizos desta administración en Galiza.
Os representantes sindicais trasladáronlles información da situación na que se atopa entre outros departamentos, o Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA), logo de que fose adiante hai meses a proposta de axenciarse para este servizo as embarcacións militares incautadas ao cargueiro «Lila Mumbai», retido en Alxeciras por violar o embargo da ONU a Libia, e que fora aprobada no Parlamento galego a instancia do BNG e da propia CIG.
No Ministerio anunciáronlles que están preparando os pregos da licitación para adaptar as patrulleiras de 38 metros incautadas, unha das cales ten destino seguro en Vigo. Desde o BNG consideran que están a demorarse moito os trámites para incorporar estas novas embarcacións, que xa debían estar operativas, e á vista da situación, dubidan que que o fagan antes dun ano.
A formación nacionalista manifestou que “a situación do SVA en Galiza é precaria, e precisa que haxa unha aposta real e efectiva do Ministerio con este servizo fundamental para vixiar o narcotráfico no noso país. As medidas non poden tardar meses e anos, precisamos un apoio decidido con este servizo, porque parece que todos os anuncios quedan en papel mollado”.
Por último, o BNG apuntou que “a nova base que dará servizo á Costa da Morte e á costa de Bergantiños, que levamos reclamando dende hai moitos anos desde a nosa organización, ten que activarse canto antes, xa esperamos demasiado tempo. E debe dotarse con embarcacións novas, non con barcos que están a piques de ir ao cemiterio e que pasan a vida con reparacións continuas nos estaleiros».
Os nacionalistas sinalaron que «teñen que comezar a traballar tanto na configuración dos novos cadros de persoal, como da dotación de medios materiais; neste caso, adecuar o edificio de Facenda que hai en Cee para as novas oficinas, sen esperar un minuto máis”.