O Concello de Fisterra lembra o correcto uso do servizo gratuíto de recollida de residuos voluminosos

O Concello de Fisterra fai un chamamento á colaboración da veciñanza para facer un uso responsable do servizo municipal de recollida de residuos voluminosos, despois de que no día de hoxe fose necesario realizar unha recollida extraordinaria debido ao abandono deste tipo de materiais en distintos puntos do municipio.

Esta situación, ademais de afectar á imaxe de Fisterra, xera molestias para a cidadanía e supón un custo adicional que pode evitarse facendo uso do servizo gratuíto habilitado polo Concello.

Para solicitar a recollida de mobles, electrodomésticos ou outros residuos voluminosos, as persoas interesadas só teñen que chamar ao 981 740 001 e concertar a data de recollida. Unha vez asignado o día, os obxectos deberán depositarse na vía pública unicamente o día anterior á recollida prevista.

O Concello lembra que o abandono de residuos voluminosos fóra do servizo establecido incumpre a normativa vixente e pode dar lugar á imposición das correspondentes sancións.

A colaboración de todos e todas é fundamental para manter un municipio limpo, ordenado e respectuoso coa contorna. Entre todos e todas podemos contribuír a conservar a boa imaxe de Fisterra e a garantir unha correcta xestión dos residuos.