A Xunta inviste máis de 30.600 euros nunha nova pista forestal en Cabo Vilán para reforzar a prevención de incendios

Camariñas. O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou hoxe, acompañado pola directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, a nova pista forestal construída no monte Cabo Vilán, no concello de Camariñas. A actuación contou cun investimento superior aos 30.600 euros, cofinanciado a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común 2023-2027.

A infraestrutura, de case un quilómetro de lonxitude, forma parte das actuacións impulsadas pola Consellería do Medio Rural para mellorar a prevención e defensa fronte aos incendios forestais. Segundo destacou Diego Calvo, este tipo de actuacións permiten reforzar a capacidade de resposta dos servizos de extinción, facilitando o acceso dos vehículos antiincendios e contribuíndo a frear a propagación do lume mediante a interrupción da continuidade da vexetación.

Os traballos executados incluíron o planeo e refino da caixa do camiño con motoniveladora, a extensión e compactación dunha base de saburra natural, a limpeza das cunetas mediante retroescavadora e a construción de dous pasos de auga, mellorando así as condicións de circulación e seguridade na zona.

Durante a visita, o conselleiro puxo en valor a colaboración entre a Xunta, o Concello de Camariñas e a Asociación de Propietarios A Croa, unha agrupación forestal de xestión conxunta que participa na recuperación produtiva e conservación do monte galego. Calvo agradeceu o labor desenvolvido por esta entidade, destacando o seu papel na valorización dos recursos forestais.

A nova pista forestal complétase con outras actuacións que se están a desenvolver no Distrito Forestal V, onde este verán continúan os traballos de roza en camiños mediante o emprego dun robot especializado para estas tarefas.

No marco da política autonómica de prevención de incendios, Diego Calvo lembrou que o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) destina este ano 213 millóns de euros, dos que máis de 75,38 millóns se dedican exclusivamente a medidas preventivas, un incremento do 50 % respecto ao exercicio anterior.

O conselleiro tamén reafirmou o compromiso da Xunta coa xestión da biomasa nas faixas secundarias de protección que rodean os núcleos de poboación. Neste sentido, salientou que o convenio subscrito con Seaga conta cun orzamento anual de 25 millóns de euros, o dobre que na anterior anualidade, co obxectivo de apoiar a particulares e entidades locais no cumprimento das súas obrigas en materia de prevención de incendios.