A Laracha acolle hoxe unha nova cadea humana contra o proxecto da planta de biogás

A Laracha, 13 de xullo de 2026. A Plataforma Stop Biogás A Laracha convoca para esta tarde, ás 19:30 horas, unha nova cadea humana reivindicativa nunha finca privada situada xunto á Chousa Grande, na parroquia de Soandres, para expresar o rexeitamento veciñal ao proxecto de instalación dunha planta de biogás no municipio.

Trátase da terceira cadea humana organizada polo colectivo, que anuncia a súa intención de repetir esta mobilización o día 13 de cada mes, coincidindo coa data na que o pasado 13 de abril o proxecto da macroplanta foi publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Desde a plataforma aseguran que manterán a mobilización social ata conseguir a paralización da iniciativa. «Non imos parar, manteremos viva a nosa loita ata que este proxecto se paralice», afirman. Ao longo dos últimos meses, a veciñanza presentou alegacións, participou en reunións con entidades, persoas expertas e institucións públicas e protagonizou unha multitudinaria manifestación na Laracha.

O colectivo tamén continúa traballando na creación dunha asociación veciñal, ecoloxista e cultural e reforza o asesoramento legal e xurídico para opoñerse ao proxecto por todas as vías posibles.

Entre as principais preocupacións da plataforma figura a situación de seca e a diminución do caudal do río Anllóns. Segundo denuncian, a futura planta vertería ao río un volume de residuos líquidos equivalente ao transportado por uns 2.000 camións cisterna, circunstancia que, ao seu xuízo, podería afectar ao ecosistema fluvial, á biodiversidade e á calidade da auga utilizada por milleiros de persoas nos concellos polos que discorre o Anllóns.

A mobilización desta tarde busca volver visualizar o rexeitamento dunha parte da veciñanza a un proxecto que segue xerando unha importante contestación social na Laracha.