
O deputado do BNG pola Costa da Morte e Bergantiños, Óscar Insua, formulará o vindeiro mércores 15 de xullo unha pregunta na Comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia para coñecer a situación das instalacións do CEIP de Camelle, no concello de Camariñas, e reclamar actuacións por parte da Xunta.
A iniciativa parlamentaria centrarase no estado das infraestruturas do centro educativo, facendo especial fincapé nas condicións de seguridade do parque infantil, un espazo que, segundo o BNG, require unha revisión e melloras para garantir o benestar do alumnado.
Ademais, Insua preguntará polas medidas que ten previstas adoptar a Consellería de Educación para acometer actuacións de mellora nas instalacións do colexio e reforzar o seu cadro de persoal coa incorporación dun mestre ou mestra especialista en Música.
O deputado nacionalista sinala que estas demandas responden ás necesidades trasladadas pola comunidade educativa do CEIP de Camelle, que leva tempo reclamando investimentos para mellorar as condicións do centro e dotar o alumnado dunha oferta educativa máis completa.
Con esta iniciativa, o BNG pretende que a Xunta concrete os prazos e os compromisos para atender estas reivindicacións, consideradas necesarias para garantir unha educación pública de calidade no rural e en igualdade de condicións co resto dos centros educativos galegos.