
O Concello de Fisterra está a levar a cabo a renovación integral dos paneis informativos situados nos accesos ás praias do municipio, unha actuación que permitirá ofrecer unha información máis clara, moderna e accesible ás persoas usuarias.
Os novos paneis presentan un deseño actualizado e adaptado á identidade dos areais de Fisterra, incorporando contidos organizados de maneira máis visual e comprensible. O obxectivo desta iniciativa é facilitar o acceso á información e promover un uso responsable dos espazos naturais, contribuíndo á súa conservación e ao respecto polo medio ambiente.
Esta mellora forma parte do compromiso do Concello por seguir reforzando os servizos públicos e poñer en valor o litoral fisterrán, un dos principais atractivos naturais e turísticos do municipio.
Desde o Concello destacan que este tipo de actuacións contribúen a que as praias de Fisterra continúen sendo un espazo de desfrute, convivencia e respecto polo entorno, tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes.