Malpica segue á cola mentres outros concellos avanzan

O Concello de Malpica continúa acumulando carencias que, segundo veciños e colectivos, levan anos sen atopar solución. A falta de servizos e infraestruturas básicas segue marcando a actualidade do municipio.

Entre as principais demandas destacan a ausencia dunha piscina municipal, a falta dun PXOM aprobado, a inexistencia dun centro de día e as deficiencias na rede de abastecemento e saneamento, xa que aínda existen zonas sen rede de auga nin alcantarillado. A isto súmanse estradas con fochancas, espazos públicos invadidos pola maleza e paneis informativos deteriorados pola abrasión do mar, sen que ata o momento se acometa a súa renovación.

Mentres Malpica continúa á espera destas melloras, concellos da contorna seguen impulsando novos proxectos. Ponteceso vén de inaugurar 11 novos puntos de auga para facilitar o traballo dos servizos de extinción de incendios, e Fisterra renovou recentemente os paneis informativos do municipio para mellorar a información ofrecida a veciños e visitantes.

Esta comparación volve abrir o debate sobre a necesidade de impulsar actuacións que permitan a Malpica deixar atrás anos de atrasos en infraestruturas e servizos esenciais. Moitos veciños reclaman unha maior planificación e investimentos que respondan ás necesidades reais do concello e contribúan a mellorar a súa calidade de vida.