O Grupo Municipal do PSOE de Malpica lamenta o mal estado de conservación no que se atopa o Forno dos Mouróns, en Buño, un dos elementos máis representativos do patrimonio oleiro da vila e un lugar moi visitado por veciños e turistas que se achegan a coñecer a tradición cerámica da parroquia.
Segundo denuncian os socialistas, no vídeo gravado no lugar pode apreciarse con claridade a abundante maleza e as herbas altas que rodean o forno, ofrecendo unha imaxe de abandono impropia dun espazo de interese patrimonial e turístico.
Desde o PSOE consideran que a conservación do patrimonio debe ser unha prioridade para o Concello, xa que «non abonda con promocionar o turismo; tamén é imprescindible coidar e manter os espazos que forman parte da nosa historia e da nosa identidade».
Os socialistas lembran que Buño é un dos principais reclamos turísticos de Malpica grazas á súa tradición oleira e ao seu patrimonio cultural, polo que entenden que este tipo de situacións prexudican a imaxe do municipio e restan atractivo a un lugar que recibe numerosas visitas ao longo do ano.
Por iso, instan ao goberno municipal a actuar de maneira inmediata para limpar a contorna do Forno dos Mouróns e garantir o seu correcto mantemento, co obxectivo de preservar este importante elemento patrimonial e ofrecer unha imaxe acorde co valor cultural e turístico que representa.
«O patrimonio hai que coidalo todos os días. Se queremos atraer visitantes e poñer en valor a nosa riqueza cultural, non podemos permitir que espazos emblemáticos presenten un estado de abandono como o actual», conclúen desde o PSOE de Malpica.