
O parque infantil de Buño atópase nunha situación de evidente deterioración que require unha actuación urxente por parte do Concello de Malpica. Na xornada de hoxe visitamos as instalacións e puidemos comprobar de primeira man as numerosas deficiencias que presenta este espazo público, tanto na súa conservación como no seu mantemento.
Entre os problemas detectados destacan varias farolas rotas, mobiliario urbano cuberto de grafitis, paneis informativos practicamente ilegibles, zonas invadidas pola maleza e acumulación de lixo en distintos puntos do recinto, ofrecendo unha imaxe de abandono impropia dun espazo destinado ao lecer e ao encontro veciñal.
Especialmente preocupante é o estado da área de xogo infantil. Os elementos de xogo presentan claros signos de deterioración, con estruturas afectadas polo óxido, varios columpios con roturas visibles e un pavimento cuberto de musgo que resulta especialmente esvaradío, incrementando o risco de caídas e comprometendo a seguridade dos nenos e nenas que utilizan estas instalacións.
A situación tamén afecta á zona de exercicio físico ao aire libre. Dos catro aparellos instalados para a práctica deportiva, tres atópanse actualmente inutilizados debido ao seu mal estado de conservación, impedindo que a veciñanza poida facer uso dun equipamento público pensado para fomentar hábitos saudables.
Desde a veciñanza reclámase unha intervención inmediata do Concello de Malpica para reparar os elementos danados, mellorar a limpeza, realizar labores de desbroce e garantir que este espazo cumpra coas condicións mínimas de seguridade e mantemento que merece a cidadanía. O estado actual do parque resulta incompatible coa función que debe desempeñar unha infraestrutura pública destinada ao ocio, ao deporte e á convivencia.
















