O BNG de Bergantiños recoñece catro negocios polo seu compromiso coa lingua galega

O acto de entrega dos Premios BNG (Bergantiños Negocios en Galego) celebrarase o 23 de xullo na Eira Bar de Ponteceso, no marco da Semana da Patria Galega.

Bergantiños, 17 de xullo de 2026. O BNG de Bergantiños presentou os novos Premios BNG (Bergantiños Negocios en Galego), unha iniciativa coa que pretende recoñecer aqueles establecementos comerciais da comarca que contribúen á normalización do uso da lingua galega no ámbito económico. A formación nacionalista destaca que o galego é tamén unha lingua de empresa, innovación, calidade e futuro.

Os galardóns dan continuidade aos antigos Premios Patria e Lingua, ao tempo que renovan o seu formato para poñer o foco no papel do tecido empresarial como aliado na promoción e normalización do idioma.

Nesta primeira edición recibirán o recoñecemento catro negocios da comarca: Fíos de Cores, de Ponteceso; Libraría Risón, de Laxe; María Moda, da Laracha; e Lenda, de Carballo.

A entrega dos premios terá lugar o vindeiro 23 de xullo, ás 20.00 horas, na Eira Bar de Ponteceso, nun acto que contará coa participación de Fátima Rodríguez, portavoz do BNG de Ponteceso; Daniel Pérez, alcalde de Carballo; e Carme da Silva, senadora do BNG. Ao evento asistirán tamén representantes do Bloque nas sete localidades da comarca, xunto co responsable comarcal, Xosé Manuel Pose, e o deputado do BNG no Parlamento de Galicia por Bergantiños, Óscar Insua.

A formación nacionalista enmarca esta iniciativa na celebración da Semana da Patria Galega, que culmina o 25 de xullo, e subliña que Bergantiños é «unha terra de persoas emprendedoras, de pequenos comercios, empresas familiares, industrias e iniciativas que medran sen perder a conexión co lugar onde nacen».

Segundo o BNG, os negocios premiados integran o galego de maneira natural na súa actividade diaria, tanto na atención á clientela como na súa comunicación e identidade corporativa. «Cada vez son máis os negocios que empregan o galego con normalidade no seu nome, na comunicación, na atención diaria e na forma de proxectar a súa identidade», sinalan.

A organización considera que estas empresas demostran que o uso da lingua propia pode ser un elemento diferenciador, xerador de confianza e de proximidade coa clientela. «Queremos poñer en valor os negocios que crean riqueza na comarca e que fan do galego unha ferramenta útil para comunicar, diferenciarse e fortalecer a confianza coa súa clientela. Porque un negocio tamén fala da terra á que pertence», destacan desde o BNG de Bergantiños.

Con estes premios, o Bloque pretende visibilizar boas prácticas no ámbito empresarial e recoñecer o compromiso de quen contribúe á dinamización económica da comarca sen renunciar á identidade lingüística e cultural. Para a organización, recibir o Premio BNG constitúe «un recoñecemento ao traballo ben feito e á contribución das empresas que fan medrar Bergantiños sen renunciar ao que as fai únicas».